O vindeiro 29 de maio chegará ás tendas o que posiblemente sexa o xogo máis refrescante que recibirá a Wii U en todo o ano, por ser un título moi prometedor que non parte dunha franquía anterior, Splatoon, de aí que Nintendo decidise dar detalles sobre o mesmo nun Nintendo Direct monográfico no que anunciaron algo bastante rechamante: o vindeiro sábado permitirá a calquera usuario dunha Wii U conectada a banda larga xogar ata tres horas á súa versión de demostración de balde (que xa pode descargarse da Nintendo eShop).
A demo Splatoon Global Testfire permitirá participar en combates territoriais en liña de catro contra catro, e só a unhas horas determinadas (ás 5:00, ás 13:00 e ás 21:00 horas), polo que os interesados en probar en primeira persoa o xogo deberán estar atentos. Os usuarios que participen na demo terán un 10% de desconto se compran o xogo na Nintendo eShop antes do 4 de xuño.
Splatoon é un xogo de Nintendo bastante tolo, que pese a estar baseado en acción territorial propia dun shooter, presenta unha aparencia que o converte en diversión familiar, ou sexa, que ao igual que Mario Kart achega a un amplo abano de público aos xogos de carreiras, Splatoon faría o mesmo cos xogos de tiros.
No xogo os usuarios adoptan o papel de inklings, personaxes personalizables que poden transformarse en calamares con só tocar un botón. Tras salpicar aos opoñentes e cubrir un nivel con tinta de cores, os xogadores poden transformarse en calamares e nadar velozmente a través da súa propia tinta ou empregala para camuflarse e evitar así ser detectados polos inimigos.
No Splatoon Direct de hoxe Nintendo confirmou que Splatoon recibirá contido adicional de balde tras o seu lanzamento, de xeito que cada poucas semanas iríanse introducindo novos escenarios de dificultade crecente, así como un novo modo de combate competitivo chamado torre. Xa no mes de agosto recibirase unha importante actualización que engadirá novas posibilidades á hora de formar equipo con catro xogadores ou crear encontros privados para oito xogadores (só con amigos). Tamén en agosto estrearase outro modo de combate competitivo.
Splatoon Direct íntegro
Os usuarios de Wii U poderán probar Splatoon o vindeiro sábado
Compartir Este Artigo
