Os xogos de fútbol chegan ás consolas de videoxogos ano tras ano, incorporando innovacións principalmente no ámbito xogable e na fidelidade de recreación visual do deporte e incluso das súas retransmisións televisivas, pero este ano FIFA 16 vai atreverse a incluír un cambio inesperado: incorpora por primeira vez na franquía o fútbol feminino, incluíndo no xogo 12 seleccións femininas (Australia, Brasil, Canadá, China, Reino Unido, Francia, Alemaña, Italia, México, Suecia, Estados Unidos e España).
As seleccións femininas poderán enfrontarse en varios modos de xogo, incluíndo o Partido Rápido, os Partidos Amigables en liña e o Torneo Offline. Seguindo os pasos do fútbol masculino, para a incorporación dos equipos femininos realizouse un procedemento de captura de movemento con futbolistas profesionais, que correu a cargo do departamento de Motion Capture de EA Canadá, que contou con Sydney Leroux, Abby Wambach, Alex Morgan e Megan Rapinoe da selección estadounidense. Deste xeito conséguese facer que o xeito de andar e correr das futbolistas poida reflectirse no xogo dun xeito fiel e natural, e dende EA tamén se desprazaron a distintos torneos e eventos por todo o mundo para realizar o escaneo facial das integrantes das seleccións femininas incluídas no xogo.
A nova entrega de FIFA chegará ás tendas o vindeiro 24 de setembro.
Trailer do xogo no que dan conta da incorporación das seleccións femininas
O fútbol feminino estará presente en FIFA 16
Compartir Este Artigo
