Habitualmente as consolas de videoxogos véndense incluíndo un dos xogos supervendas máis relevantes, polo que resultou un tanto rechamante que Microsoft incluíse en exclusiva na súa tenda australiana en liña a Xbox One Independent Developers Pack, ou sexa, un lote de Xbox One con disco duro de 500 GB e mando sen fíos que inclúe como contido adicional 7 xogos de desenvolvedores independentes: #IDARB, Warframe, Jackbox Party Pack, Threes!, Never Alone, Smite e Hand Of Fate.
Sorprende que Microsoft ouse a comercializar lote de Xbox One que opte polos xogos independentes polos mesmo prezo que custaría, por exemplo, con Halo: The Master Chief Collection, aínda que o feito de que esteamos ante un produto que só se vende en liña pode dar a entender que estamos ante un experimento para coñecer mellor a recepción no mercado dos xogos independentes, á vez que aproveitan para salientar o programa ID@Xbox a través do que é posible publicar xogos para Xbox One sen contar coa axuda dunha grande distribuidora.
Polo momento non se sabe se este lote chegará a verse á venda fóra de Australia, e o que si deu bastante que falar sobre esta nova oferta é que, durante unhas horas, na páxina web de Microsoft, apuntábase o feito de que incluía o rumoreado mando de Xbox One con conector estándar para auriculares, pero o detalle foi eliminado da páxina web, posiblemente en espera á presentación oficial do novo mando durante a celebración da feira E3.
A Xbox One estrea un lote con xogos independentes
Compartir Este Artigo
