Unha das grandes decepcións do ano para os usuarios da PlayStation 4 foi saber que o xogo Uncharted 4 adiaba o seu lanzamento ata 2016, deixando a campaña de Nadal bastante descafeinada, pero dende Naughty Dog quixeron ter un detalle para compensar lixeiramente aos seus seareiros anunciaron hoxe que o 7 de outubro porán á venda Uncharted: The Nathan Drake Collection, unha recompilación das tres primeiras entregas da saga remasterizadas para gozarse na PS4.
Uncharted: El Tesoro de Drake, Uncharted 2: El Reino de los Ladrones e Uncharte 3: La traición de Drake, acumularon máis de 21 millóns de unidades vendidas, e recibiron unha puntuación media en Metacritic dun 92, deixando claro que son os grandes referentes da anterior PlayStation, e para dar a oportunidade de que poder revivir esa experiencia aos usuarios de PS4 antes do lanzamento de Uncharted 4: El Desenlace del Ladrón, teremos unha interesante maneira de refrescar a memoria, así como unha oportunidade para que novos xogadores poidan pórse ao día.
Bluepoint Games traballou estreitamente con Naughty Dog para facer posible este novo recompilatorio, no que os xogos correrán a 1.080p e 60 cadros por segundo, á vez que tamén amosarán melloras en iluminación, texturas e modelos.
Uncharted: The Nathan Drake Collection pode reservarse por 59,99 euros, o que inclúe tamén 7 aspectos para un xogador que reviven os traxes máis icónicos de Drak, un AK47 dourado, unha 92FS dourada e un tema dinámico para PS4. Amais, os que compren este título terán acceso á beta do modo multi-xogador de Uncharted 4 durante o tempo no que estea dispoñible.
Trailer de Uncharted: The Nathan Drake Collection
