A plataforma de xogo en liña para PC de Valve, Steam, leva tempo aspirando a contar con hardware de seu, para conseguir unha experiencia de xogo en ordenadores máis controlada, que poida así achegarse máis á das consolas de videoxogos, e finalmente abre a posibilidade de encargar os primeiros trebellos e equipos que comezarían a entregarse aos seus compradores o vindeiro 16 de outubro en cantidades limitadas.
O dispositivo máis agardado sen dúbida sería o Steam Controller, un mando de xogo bastante innovador, que prometen que é apto para xogar a títulos de todos os xéneros, de xeito que incluso facilitará o goce de xogos clásicos pensados para o seu control con teclado e rato. O Steam Controller ten trackpads duais, resposta háptica en HD, stick analóxico, gatillos de dobre pulsación, xiroscopio e acelerómetro (para poder emular volantes e outros controis de movemento), controis configurables e a posibilidade de funcionar mediante cable ou sen fíos. O seu prezo de venda é de 54,99 euros.
Outro dispositivo interesante sería o Steam Link, que pode reservarse por 54,99 euros (sendo recomendable encargalo en conxunción un Steam Controller por 109,98 euros) e sería un trebello para conectar ao televisor do salón por HDMI e que comunicaríase co noso ordenador por Fast Ethernet ou Wi-Fi AC, para recibir as partidas de Steam do noso ordenador principal a unha resolución de 1.080p a 60 cadros por segundo, ou sexa, que sería unha práctica solución para xogar a distancia co noso ordenador.
Pero para os usuarios que non teñan un ordenador en condicións que lles permita correr os últimos xogos con fluidez en local ou a distancia co Steam Link sería interesante adquirir algúns dos equipos dentro da liña Steam Machine, que veñen a ser sistemas informáticos disfrazados de consolas de videoxogo domésticas.
Un destes primeiros equipos sería a Alienware Steam Machine, que nos EE.UU. ten un prezo de partida de 449 dólares, e que sería un potente ordenador cunha gráfica nVIDIA GeForce GTX con 2 GB de GDDR5, do que aínda non publicaron as súas especificacións completas. Por a partires de 499 dólares xa teriamos a Syber Steam Machine, que destacará por ser totalmente actualizable. Terá distintas configuracións que van dende unha gráfica básica ata unha nVIDIA GTX 980, sendo tamén posible elixir entre chasis personalizados en branco ou negro con 7 modos de cor, o que dálle un toque rechamante.
Nos vindeiros meses iranse incorporando máis Steam Machines á familia, para fortuna para os que gustan dos xogos de ordenador, pero queren gozar dos mesmos coa mesma simplicidade que cunha consola de videoxogos doméstica ou, cando menos, cunha estética semellante, que case mellor nun salón que un equipo con formato de torre.
Xa se pode encargar o primeiro hardware de Steam
Compartir Este Artigo

