Esta tarde, enmarcado no E3, Nintendo realizou un Digital Event, ou sexa, un vídeo no que amosan algunhas das súas novidades para os vindeiros meses, sendo o máis salientable o anuncio de StarFox Zero, un xogo para Wii U que chegará no último trimestre do ano e que destacará por facer un uso efectivo do GamePad da consola doméstica de Nintendo: no televisor veremos a nave en terceira persoa, mentres que na pantalla do mando aparecerá a acción dende a cabina. O xogo contará cuns controis doados (para facilitar a realización de numerosas manobras sen complexas combinacións de botóns) e conta coa garantía de estar a ser desenvolvido por Platinum Games.
Rechamante resultou o anuncio de que Nintendo se alíe cun dos seus rivais nos xogos que permiten introducir figuras reais dentro dos xogos, de xeito que as figuras amiibo de Donkey Kong e Bowser poderán introducirse en Skylanders SuperChargers (así coma noutros xogos de Nintendo). Estas figuras terán unha base xiratoria para ser compatibles coa base de Skylanders, conservando a compatibilidade co lector de amiibos de Nintendo 3DS e Wii U.
Con certas reminiscencias a The Legend of Zelda: Four Swords, anúnciase un novo xogo multi-xogador de Zelda, The Legend of Zelda: Tri Force Heroes, que permitirá colaborar con outros dous amigos para superar alxubes de todo tipo, tendo que realizar moitas accións cooperativas para poder superar os diferentes retos.
A filtración da semana pasada veuse confirmada, e durante o primeiro trimestre de 2016 teremos Hyrule Warriors, o musou con personaxes de Zelda, en Nintendo 3DS, onde pretende chegar a unha masa de xogadores moito máis ampla que a de Wii U.
Tamén para o ano que vén teremos outro título multi-xogador, desta volta competitivo, Metroid Prime: Federation Force, que contará con diversos modos centrados na acción, na que teremos que enfrontarnos a outros xogadores tanto en local como a través da Internet. Empregará a vista en primeira persoa e centrarse nos elementos multi-xogador.
Nintendo tamén confirmou que traerá a Europa o novo Fire Emblem, levando aquí por título Fire Emblem Fates; e tamén confirmouse que en Europa teremos en decembro o agardado Xenoblade Chronicles X. O xogo Yokai Watch de Level-5 tamén chegará finalmente a Europa, aínda que teremos que agardar ao ano que vén para velo.
Para un público máis amplo amosaron en acción o xogo Animal Crossing: Amiibo Festival, que procurará trasladar a experiencia dos xogos de mesa, e que veremos no último trimestre de 2015.
E como estamos ante unha presentación de Nintendo, non podía faltar Mario, que conta con varios títulos en carteira, como Mario & Luigi: Paper Jam Bros. para Nintendo 3DS (que chegará en primavera de 2016 e sería unha especie de mestura entre Mario & Luigi e Paper Mario), no último trimestro do ano tamén teremos Mario Tennis: Ultra Smash para Wii U, e para completar a oferta de xogos do fontaneiro temos que o 11 de setembro chegará Super Mario Maker a Wii U, permitindo empregar figuras amiibo para engadir disfraces de Mario.
Vídeo co Digital Event íntegro
Nintendo presenta StarFox Zero xunto con outras novidades
Compartir Este Artigo
