Nos últimos anos vimos como dentro do sector dos videoxogos foi xurdindo un grupo de usuarios de elite que nalgúns países chegaron ata a profesionalización, e co espallamento dos xogos a través da Internet consolidáronse como deportes electrónicos (eSports) con equipos de sona mundial e retransmisións de competicións con millóns de espectadores simultáneos en todo o mundo.
Para coñecer un pouco máis deste mundo gravouse un documental titulado All Work All Play, que amosa esta emerxente modalidade de competición electrónica, aos seus xogadores e os seus equipos, comparando o fenómeno con outros deportes profesionais, poñendo de manifesto os cambios de equipos, a magnitude dos seus espectáculos, as grandes multitudes que congregan e a presenza de medios de comunicación e publicidade.
O documental amosará os perfís dalgúns dos profesionais máis destacados de League of Legends, así como ao director da programación da Electronic Sports League, Michal Carmac Blicharz, e para facer que o seu visionado sexa aínda máis impresionante, teremos a oportunidade de velo en pases únicos nun par de cines galegos (os Yelmo Cines de Espacio Coruña e os Yelmo Cines de Vigo) nos que completarán a experiencia cunha serie de retransmisións en directo de xogadores profesionais da man de ESL, unha das empresas de eSports máis lonxeva, coñecida principalmente pola Intel Extreme Masters (IEM) iniciada en 2007 con xogos como Counter-Strike e Warcraft III. O pase do documental nos cines galegos será o vindeiro 28 de xullo ás 20:00 horas.
Un documental sobre deportes electrónicos poderá verse en cines galegos
Compartir Este Artigo
