En 1984 Sierra Entertainment iniciou unha prolífica saga de xogos con King’s Quest, unha aventura gráfica ambientada nun mundo medieval no que non faltan elementos sobrenaturais e criaturas de contos tradicionais, que gozou de tanto éxito que conseguiu desenvolver esta saga ata 1998, cando saíu King’s Quest VIII: Mask of Eternity, e tras todo este tempo fóra do mercado (se esquecemos algunha recompilación) Activision (a través do estudio The Odd Gentlemen) atreveuse a retomala con King’s Quest: A Knight to Remember, xogo que hoxe estrea o seu primeiro capítulo para Xbox 360, Xbox One, PlayStation 3, PlayStation 4 e PC, podendo adquirirse este contido por 9,99 euros, aínda que os convencidos de que quererán o xogo completo tamén poden optar por pagar 39,99 euros polos 5 capítulos que comporán esta historia.
Este novo xogo reinventa unha franquía clásica, que no seu día fora moi innovadora, cuns gráficos que procuran semellar debuxos feitos a man, e que consegue retomar historias inesquecibles, humor e quebracabezas sen traizoar o espírito dos xogos orixinais.
A Knight to Remember sitúanos na narración do rei Graham, xa vello, que reflexiona sobre a súa vida de aventuras coa súa neta Gwendolyn, de xeito que viaxaremos ao seu pasado para revivir os eventos que darían forma ao seu reino, podendo participar na toma de decisións para ir vendo como afectan á historia.
Tráiler do xogo
