Electronic Arts quixo deixar unha boa pegada na Gamescom, polo que acudiu á feira de Colonia cun vídeo que conseguiu captar poderosamente a atención do público: un novo tráiler de Star Wars Battlefront no que podemos ver a escuadróns de cazas combatendo no aire, pero non só poderemos ver como se enfrontan X-Wings e A-Wings rebeldes con TIE Fighters e TIE Interceptors imperiais en batallas aéreas de ata 20 xogadores, senón que tamén fai acto de presenza unha aeronave tan icónica como é o Falcón Milenario.
Este modo de xogo permitirá vivir intensas batallas aéreas, con ata 20 xogadores aos que uniranse intelixencias artificiais, gañando o equipo que destrúa máis cazas do equipo contrario, completándose a partida ao superar as 200 baixas ou a rematar o tempo máximo fixado.
As naves poderán facer uso o impulso de velocidade ou dos escudos, realizar manobras evasivas, empregar potenciadores que atoparán no mapa, utilizar bonificacións (para reparar a nave ou reducir o tempo de carga dos mísiles) e incluso está o potenciador especial que permite pilotar por uns minutos os cazas estelares máis cobizados da galaxia, que no caso dos rebeldes sería o Falcón Milenario, mentres que os imperiais poderá pilotar o Escravo I de Jango e Boba Fett.
Haberá que agardar ao 17 de novembro para poder gozar dos escuadróns de cazas incluídos en Star Wars Battlefront, xogo que tamén incluirá outros modos multi-xogador destacables como o asalto dos camiñantes (no ata 40 xogadores rebeldes deberán atacar cos AT-AT imperiais) ou un modo de xogo clásico de duelo no que terán que enfrontarse 10 rebeldes contra 10 soldados imperiais.
Novo tráiler de Star Wars Battlefront
Star Wars Battlefront amosa os seus combates aéreos
Compartir Este Artigo
