Nos últimos anos emerxeron con moita forza os drons como sistemas de fotografía aérea económicos e versátiles, sendo bastante habitual equipar a estes dispositivos con cámaras tipo GoPro, permitindo así gozar de imaxes cunha boa resolución sen sobrecargar o vehículo voador, pero o fabricante DJI non quere conformarse coa calidade dunha cámara de acción e presenta unha solución de seu, as cámaras DJI Zenmuse X5 e X5 RAW, que veñen a ser cámaras micro catro terzos en facilitan o uso de obxectivos intercambiables en drons como o DJI Inspire 1.
A cámara Zenmuse X5 RAW incluso permitiría a gravación de vídeo sen perda en ultra alta definición que podería rexistrarse na súa unidade SSD extraíble de 512 GB ou en tarxetas microSD (de ata 64 GB), mentres que o modelo básico gravaría con compresión e non incluiría a unidade SSD. Ambas cámaras con capaces de disparar fotografías de 16 Mpíxeles, vídeo de 4.096 x 2.160 píxeles a 24 fotogramas por segundo (o 4K cinematográfico) ou de 3.840 x 2.160 píxeles a 30 ou 25 fotogramas por segundo (o UHD doméstico), sendo posible incluso o seu control dende unha aplicación móbil. Para manter unhas imaxes estables, a cámara conta cun gimbal de 3 eixes.
A Zenmuse X5 ten unhas dimensións de 120 x 135 x 140 milímetros e un peso total de 526 gramos, mentres que o modelo RAW chegaría ata os 583 gramos, peso relativamente moderado para unha solución que permite captar imaxes de calidade profesional, e que conta de grande versatilidade, sendo posible empregar nestas novas cámaras obxectivos da propia DJI, así como outros populares de fabricantes como Panasonic e Olympus.
A cámara Zenmuse X5 parte dun prezo de 1.899 euros (sen obxectivo) aínda que o máis recomendable sería a súa compra con obxectivo (a un prezo de 2.459 euros) ou incluso integrada xa nun dron DJI Inspire 1 (cun prezo total de 4.999 euros).
Vídeo de presentación das cámaras DJI Zenmuse X5
DJI inicia a comercialización de cámaras con obxectivos intercambiables para os seus drons
Compartir Este Artigo

