Na xornada de onte Activision Blizzard anunciou que viña de asinar un acordo definitivo de compra (a través das súas subsidiaria ABS Partners C.V.) de King Digital Entertainment por 18 dólares a acción en efectivo, o que supón unha cantidade total de 5.900 millóns de dólares. Deste xeito Activision busca mellorar a súa posición no mercado global do lecer electrónico para móbiles, consolas e ordenadores persoais, agardándose que a operación de compra poida completarse na primavera de 2016.
Deste xeito Activision (editora de franquías como Call of Duty, Guitar Hero, Skylanders e Destiny), que xa experimentou as grandes vantaxes de facerse con Blizzard (desenvolvedores de Hearthstone: Heroes of Warcraft, StarCraft e Diablo), poderá prosperar rapidamente no mercado móbil, onde King xa conseguiu grandes éxitos como Candy Crush Saga e Candy Crush Soda Saga.
Bobby Kotick, director xeral de Activision Blizzard, asegura que “os ingresos e beneficios combinados consolidan a nosa posición como a empresa independente máis grande e rendible do lecer interactivo. Cunha rede combinada global de máis de 500.000 millóns de usuarios activos ao mes, o noso potencial para chegar a audiencias de todo o mundo nos dispositivos que eles prefiran permítenos entregar grandes xogos a audiencias máis amplas que nunca”.
Activision Blizzard acorda a compra de King
Compartir Este Artigo
