Un dos principais reclamos para facerse este ano cunha Xbox One, se deixamos de lado os xogos desenvolvidos por estudios internos de Microsoft, é sen dúbida que Square Enix lanza a segunda entrega do reboot de Tomb Raider en primicia para as consolas Xbox, de xeito que os usuarios de PlayStation 4 terá que agardar un ano para gozar deste xogo que chega hoxe as tendas.
Rise of the Tomb Raider é xa unha realidade, introducíndonos de novo na pel de Lara Croft, agora xa non unha moza que evoluciona cara á aventureira que todos coñecemos, senón que xa está curtida tras as súas primeiras aventuras e agora inicia a súa carreira como saqueadora de tumbas, explorando enormes enterramentos inzados de trampas mortais, tendo que resolver quebracabezas ambientais e precisando do descifrado de textos ancestrais para descubrir criptas que desvelarán segredos.
Mentres o anterior Tomb Raider centrábase na transformación de Lara Croft, esta nova aventura presenta a un personaxe con máis experiencia, que non se limitará a utilizar arco e frechas para defenderse, senón que ten maiores habilidades de combate e infiltración, sen chegar a ser unha asasina de sangue frío (polo que haberá situacións que poderán superarse totalmente mediante o sixilo).
No xogo tamén ten un importante papel ir equipando a Lara Croft de habilidades, armas e accesorios, será preciso recoller plantas e cazar, e incluso haberá que ter en conta os ciclos de día e noite para realizar estas tarefas. Teremos así unha experiencia moito máis completa que na entrega anterior, contando incluso cun modo de expedición no que superar desafíos personalizables que podemos fixarnos a nós mesmos ou para os nosos amigos.
O prezo de venda recomendado do xogo para Xbox One é de 69,99 euros, mentres que a versión de Xbox 360 pode adquirirse por 49,99 euros, aínda que en ambos casos é posible conseguir o xogo en formato físico a prezos sensiblemente inferiores (por exemplo, a tenda en liña de Fnac oferta a versión para Xbox One a 47,99 euros e a de Xbox 360 a 39,99 euros).
Vídeo promocional do xogo
