Capcom informou hoxe aos medios de comunicación que o vindeiro 16 de febreiro o xogo Street Fighter V para PlayStation 4 vai contar en Europa cunha edición limitada Day One Steelbook, ou sexa, unha edición de lanzamento con caixa metálica, que será toda unha peza de colección. A caixa do xogo presenta a Ryu na súa portada e o icónico escenario de China no seu interior, e nas vindeiras semanas detallarán as canles de comercialización e os prezos que terá esta edición especial do xogo.
Street Fighter V pretende iniciar o ano que vén toda unha nova xeración de xogos de loita, destacando polo feito de que contará con versións para PC e PS4 que non serán independentes, senón que os xogadores dunha plataforma poderán enfrontarse en liña cos da outra, creando unha situación sen precedentes a nivel de competición.
Traíler de Street Fighter V no que presentan a Dhalsim
