Para facer popular a tenda de xogos de descargables de Electronic Arts, Origin, cada certo tempo agasallan algún título para que o público se anime a ter a súa aplicación instalada e así ter a porta aberta a adquirir xogos desta importante distribuidora, e dentro desta promoción chamada Invita la Casa chega agora todo un clásico, Jade Empire, na súa edición especial. Deste xeito, os que gusten do xogo poderán descargalo de balde por tempo limitado, aínda que pasará a formar parte da súa colección persoal (polo que será posible a súa descarga futura para quen o adquira durante a promoción).
Este xogo busca converter ao protagonista nun mestre de artes marciais que viaxa polo mundo visitando dende as duras montañas da Terra dos Espíritos Ouveantes ata os xardíns da Cidade Imperial, enfrontándose no camiño con inimigos humanos e sobrenaturais e dominando os estilos de loita máis complicados.
Jade Empire é un xogo de BioWare (estudio detrás de Mass Effect e Dragon Age) o que é toda unha garantía de calidade e, aínda que ten máis de 10 anos, continúa a ter o seu aquel, sendo un xogo moi recomendable para os amantes dos xogos de aventuras que conten con elementos de acción e rol.
