Tras ter unha magnífica acollida en Xbox One e Xbox 360, Square Enix confirma que Rise of the Tomb Raider estreará versión para PC o día 28 de xaneiro, estando dispoñible tanto a través de Steam como na tenda de Windows 10. O prezo da versión estándar é de 49,99 euros, mentres que a versión de luxo, con pase de tempada, venderase por 77,98 euros. Os seareiros máis fieis das aventuras de Lara Croft tamén terán dispoñible unha edición para coleccionistas en formato físico a un prezo de 129,99 euros que incluirá a edición de luxo do xogo en caixa metálica, xunto cunha figura de 30 centímetros de altura e réplicas do colgante e o diario de Lara.
O xogo conserva todos os elementos da versión de consola, pero Crystal Dynamics e Nixxes Software engadiron numerosos detalles como é o soporte de ultra alta definición, polo que os posuidores dun equipo informático de grandes prestacións poderá contemplar o xogo cun nivel de detalle moi superior que o da súa versión de consola. Temos así unha grande oportunidade para os xogadores de PC e tamén para xogadores de PS4 que non queiran agardar a finais de ano para poder gozar desta nova aventura da saga Tomb Raider.
