Mentres a franquía de Rock Band decidiu volver recuperando a súa mecánica tradicional, no caso de Guitar Hero o regreso da marca foi un tanto diferente, mudando a fórmula dos xogos musicais para centrarse máis nunha representación realista de vídeos musicais e actuacións en directo, o que facilitou que esta semana Activision e FreeStyleGames puidesen ter a honra de celebrar a estrea do vídeo musical de Dangerous, unha das últimas cancións de Def Leppard, que en vez de ver a luz en YouTube ou a televisión, ábrese ao mundo a través de GHTV, plataforma na que pode verse e xogarse o clip dos roqueiros británicos.
Joe Elliot de Def Leppard declarou que “dá igual que sexan en vinilo, a través de streaming ou gozando do noso vídeo en Guitar Hero Live: é impresionante pensar o interactiva que se volveu a música. Hai moitos xeitos interesantes para que os seareiros gocen das nosas cancións, e estrear o vídeo de Dangerous en Guitar Hero Live pareceunos un xeito xenial de chegar aos nosos seareiros”.
Nos Shows Premium de GHTV non só podemos gozar do tema Dangerous de Def Leppard: On Through The Ages, senón que tamén están dispoñibles o novo éxito Let’s Go e o clásico Rock of Ages.
O último vídeo musical de Def Leppard estréase a través de Guitar Hero Live
Compartir Este Artigo
