Amazon Web Services (AWS) anunciou un novo motor para xogos 3D de balde e multi-plataforma, Amazon Lumberyard, baseado no aclamado CryEngine, que facilita a creación de xogos de grande calidade, que poidan conectar cos servizos de computación e almacenamento na nube de Amazon, á vez que tamén integra a comunicación cos afeccionados a través de Twitch.
Este novo motor facilita a creación de mundos fermosos, con personaxes realistas e impresionantes efectos en tempo real, e conta con ferramentas que fan especialmente doado engadir prestacións baseadas na nube e, precisamente nesta liña presentan tamén Amazon GameLift, un novo servizo para desenvolver xogos multi-usuario en liña, que poidan escalarse facilmente grazas aos servidores de Amazon, o que simplifica especialmente o desenvolvemento de xogos cun volume importante de xogadores simultáneos e reduce os costes das infraestruturas de servidores necesarias para os momentos críticos (como acontece habitualmente nos días seguintes ao lanzamento dun xogo).
Amazon Lumberyard permite facer xogos para PC e consolas de videoxogos, carecendo de cargos, cotas de subscrición ou comisión nos beneficios, de xeito que só cobrará aos creadores dos xogos polo uso dos servizos de nubes de Amazon, o que parece unha magnífica oportunidade para estudios de desenvolvemento independentes. Actualmente está dispoñible a beta de Lumberyard para PC e consola, e máis adiante chegarán tamén versión que facilitarán a creación de xogos para móbiles e realidade virtual.
Vídeo de presentación de Amazon Lumberyard
