O Internet Archive non cesa de incluír software no seu sistema para que podamos empregalo a través do noso navegador web a xeito de museo virtual, valéndose de emuladores, o que facilitou a incorporación ao seu arquivo de milleiros de xogos para MS-DOS aos que agora engádense centos de programas de todo tipo para Windows 3.1, o que facilita así a recuperación de numeroso software dunha época que supuxo a proliferación da informática no ámbito doméstico e empresarial grazas, en boa medida, polas facilidades que achegaban as interfaces gráficas baseadas na combinación de rato e teclado.
Podemos considerar que Windows 3.x marcou o paradigma da informática actual, polo que a incorporación de numerosos xogos, utilidades e aplicacións profesionais dos anos 90 á colección de software de Archive.org é unha grande nova, xa que facilita a conservación dunha parte moi importante da historia da informática, o que resulta moi práctico tanto para o seu estudo como para, simplemente, lembrar os xogos e aplicacións cos que moitos deron os seus primeiros pasos con ordenadores.
Aínda que Windows 3.1 non fose un sistema operativo real (senón unha interface gráfica cargada sobre MS-DOS), sentou os alicerces do que logo sería Windows 95, o primeiro dos sistemas operativos que nos levarían ata o Windows 10 actual.
Coas novas incorporacións ao Internet Archive podemos gozar con comodidade de aplicacións como o clásico xogo do Buscaminas, botar unha partida ao WinRisk, lembrar o rudimentario planetario de SkyView e incluso repasar unha pequena selección de aplicacións shareware. Toda unha experiencia que nos axuda a ver o moito que avanzou o software á vez que mantén os mesmos fundamentos.
Archive.org incorpora centos de aplicacións para Windows 3.1
Compartir Este Artigo
