Parece claro que coa chegada da retrocompatibilidade dos xogos de Xbox 360 a Xbox One as compañías atoparon unha fiestra aberta a grandes oportunidades promocionais, e está a converterse en moeda de cambio habitual que as compras anticipadas de novos lanzamentos reciban como recompensa vellos xogos da mesma franquía ou do mesmo estudio, e para confirmar a tendencia temos que ao incorporarse á tenda de xogos de Xbox One Dark Souls III anúnciase que a compra antes do lanzamento premiarase cun código de descarga do xogo Dark Souls para Xbox 360, o que permitirá revivir a primeira entrega da saga nas novas consolas, pero tamén facilitará a introdución á mesma por parte de novos xogadores que poderán así experimentar coas súas mecánicas dende un par de meses ante da chegada do novo título, prevista para o 12 de abril.
Este título de FromSoftware chega con ducias de premios ás costas, estando considerado como un dos mellores xogos de rol desenvolvidos nos últimos meses, aínda que esta franquía non é apta para todos os seareiros do xénero, xa que aparte da súa atmosfera épica tradicional conta cun nivel de dificultade que algúns consideran extremo e frustrante, mentres que para outros é a auténtica esencia desta franquía.
O xogo pode adquirirse na súa edición normal, contando tamén cunha edición de luxo que inclúe o seu pase de tempada, e aínda que deamos conta da edición de Xbox One pola súa peculiar recompensa, tamén está aberta a súa reserva para PlayStation 4 e PC (Steam).
Dark Souls III para Xbox One premiará as reservas co Dark Souls de Xbox 360
Compartir Este Artigo
