Esta semana Sony está presente no Mobile World Congress de Barcelona pero, en vez de levar ao encontro novos smartphones insignia, optou por presentar novos terminais de gama media, a nova familia X, así como varios accesorios que conforman así un interesante catálogo de novidades dirixido a un público moi amplo.
A nova familia de smartphones de Sony estaría formada polos Xperia X, Xperia X Performance e Xperia XA, que apostan por pantallas de 5 polgadas en cristal curvado, autonomía optimizada para poder aguantar ata 2 días de uso e cámaras bastante avanzadas, que sairán á venda o vindeiro verán con carcasas de distintas cores.
O terminal máis ambicioso sería o Xperia X Performance, que contará cun acabado premium, estrearía o novo procesador Qualcomm Snapdragon 820, contaría con 3 GB de RAM, batería de 2.700 mAh e cámaras de 23 e 13 Mpíxeles. O Xperia X sería un terminal máis modesto e posiblemente bastante máis económico, que conformaríase cun procesador Qualcomm Snapdragon 650 e batería de 2.620 mAh; mentres que para chegar ao grande público estaría o Xperia XA, que podería considerarse case de gama baixa, por conformarse cunha resolución de pantalla de 1.280 x 720 píxeles (cando os seus irmáns maiores teñen pantallas Full HD), procesador MediaTek MT6755 (propio de smartphones chineses económicos), 2 GB de RAM, cámaras de 13 e 8 Mpíxeles e batería de 2.300 mAh, que parece pensado nos usuarios que queren facerse cun smartphone con bo acabado e cámaras máis que dignas, sen ter que facer un grande desembolso económico.
Atractivos accesorios
Para completar o catálogo de novos produtos Sony presentou novos accesorios a ter moi en conta, como o seu novo auricular in-ear que serve para empregar como sistema de mans libres e que parece inspirado no Moto Hint, o Xperia Ear, que pode levarse na orella a cada momento para facilitar o envío e recepción de manxes, a consulta da axenda, as buscas… sen ter que tocar o smartphone, de xeito que vai máis aló dun mans libres e convértese nun asistente persoal. O grande atractivo deste trebello de 29,5 x 24,5 x 15,2 milímetros é que só pesa 6 gramos e, ao igual que acontece co accesorio de Motorola, inclúe un estoxo de carga que tamén integra batería (de xeito que pode recargarse aínda que non teñamos un enchufe a man). Chegará ao mercado no verán.
Outras propostas máis ousadas serían a Xperia Eye (unha cámara de grande angular que facilitaría o rexistro de vídeo de 360 graos), o Xperia Projector (un proxector de tiro ultra-curto que facilitaría a interación táctil coa imaxe xerada), o Xperia Agent (un asistente que responde a ordes de voz e integra cámara e proxector) e o RM-X7BT (un adaptador Bluetooth para facilitar o uso de mans libres no coche, contando tamén con funcionalidades de asistente que pode aproveitarse por exemplo, para a navegación GPS).

