Nintendo quere deixar claro que antes do lanzamento da súa nova videoconsola non vai estar parada, e a pasada noite emitiu un novo Nintendo Direct para dar conta das súas novidades para Wii U e Nintendo 3DS, á vez que tamén lembraron que está aberta a pre-inscrición para Miitomo, a primeira aplicación móbil de Nintendo que chegará a España este mesmo mes e fará uso do novo sistema de contas en liña My Nintendo no que poderán gañarse puntos na liña de como se facía co desaparecido Club Nintendo.
Entre as novidades para Wii U no Nintendo Direct deron conta da chegada o 22 de abril de Star Fox Zero, agardado retorno de Fox McCloud que contará tamén cunha edición especial na que se incluirá tamén Star Fox Guard, un novo xogo protagonizado polo tío de Slippy Toad, Grippy Toad, que terá que defender unha explotación mineira grazas a un sistema de seguridade con numerosas cámaras dende as que lanzar numerosos ataques defensivos.
Mario tamén terá novidades, de xeito que o 9 de marzo Super Mario Maker recibirá unha completa actualización de balde, e ao longo do ano tamén veremos Paper Mario: Color Splash, xogo no que haberá que percorrer a Illa Prisma para devolverlle a cor cun martelo de pintura. Outro xogo con Mario á cabeza será Mario & Sonic en los Juegos Olímpicos: Río 2016, que chegará a Wii U o 24 de xuño e incluirá un par de novas competicións de serie (rugby a sete e ximnasia rítmica por equipos).
E falando de actualizacións, tamén o 9 de marzo Splatoon contará con novas actualizacións, consolidando así un dos meirandes éxitos de Wii U.
Un título bastante prometedor será Tokyo Mirage Sessions #FE, creación de Atlus, que vén a ser un xogo de rol no que matar monstros como unha estrela de rock, presentando un Tokio moderno invadido por unha forza doutra dimensión, o que levará a cruentas batallas por quendas O xogo destaca pola súa estética e o seu apartado musical, chegando á consola doméstica de Nintendo o 24 de xuño.
Para completar as novidades de Wii U comentaron que o 28 de abril chegará Lost Reavers, un xogo cooperativo en liña de partidas de balde, no que os xogadores deberán loitar contra zombis e resolver quebracabezas na procura dun tesouro. Os máis impacientes poderán xa gozar da súa beta aberta o 14 de abril.
Xogos para a portátil
A Nintendo 3DS, pese a ter perdido moito pulo nos últimos meses, continuará a recibir xogos de peso, e por exemplo o 10 de xuño teremos Kirby: Planet Robobot, unha aventura na que veremos unha Dream Land mecanizada na que poderán participar ata catro xogadores, participando en misións cooperativas, e podendo tamén facer uso de fiburas amiibo (de feito, o amiibo de Kirby será o único xeito de desbloquear a habilidade Ovni).
O 20 de maio tamén chegará a Europa Fire Emblem Fates, que contará con 3 campañas diferentes que entusiasmarán aos seareiros dos xogos de rol de estratexia. O xogo tamén contará cunha edición especial e unha edición especial da New Nintendo 3DS XL.
A serie Metroid Prime tamén terá unha nova aventura no verán, Federation Force, que será unha aventura en primeira persoa aderezada con quebracabezas, nun estilo de xogo cooperativo e de disparos.
E con Rhythm Paradise Megamix tamén volve unha franquía clásica das portátiles de Nintendo, que desta volta contará con máis dun cento de xogos de ritmo, dos que 30 serán totalmente novos e o resto estarán sacados de anteriores entregas. Haberá que agardar a finais de ano para poder facerse con ese interesante título que sabe sacar o mellor dos dispositivos portátiles.
O que posiblemente sexa o principal lanzamento para 3DS este ano será Monster Hunter Generations, que sairá á venda no verán estreando novo sistema de Estilo e as Técnicas de caza, e incluso poderá aproveitar os datos gardados de Monster Hunter 4 Ultimate para desbloquear contidos adicionais, premiando así aos xogadores fieis á saga.
Outros lanzamentos interesantes serán Disney Art Academy (15 de xullo), Yo-Kai Watch (29 de abril), Hyrule Warriors: Legends (24 de marzo) e Dragon Quest VII: Fragmentos de un mundo olvidado (finais de ano), aínda que non serán poucos os que recibirán con aínda máis entusiasmo os vellos xogos Super Nintendo que poderán gozarse na New Nintendo 3DS e New Nintendo 3DS XL a través da consola virtual, e que contará con títulos como Super Mario World, EarthBound, The Legend of Zelda: A Link to the Past, Super Metroid, F-Zero, Super Mario Kart, Donkey Kong Country e Donkey Kong Country 2: Diddy’s Kong Quest.
Vídeo íntegro deste último e moi completo Nintendo Direct
