O Consello de Ministros autorizou ao Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, a convocar axudas, dentro do programa de extensión da banda ancha de nova xeración para o ano 2016, por un importe máximo de 63 millóns de euros. Con iso preténdese acelerar a extensión da cobertura das redes públicas de comunicacións electrónicas capaces de proporcionar servizos de banda ancha de alta e moi alta velocidade a zonas sen cobertura actual nin prevista no vindeiros tres anos (as chamadas zonas brancas).
Esta actuación enmárcase dentro da Estratexia de desenvolvemento das redes ultrarrápidas incluída na Axenda Dixital Española desenvolvida posteriormente no Plan de Telecomunicacións e redes ultrarrápidas do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, e no Programa operativo de Crecemento intelixente FEDER 2014-2020 aprobado en 2015.
A relación das zonas de actuación susceptibles de recibir este tipo de axudas (zonas brancas) publícase cada ano no portal do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, tras a recompilación da cobertura ofrecida por todos os operadores e a prevista nos tres anos posteriores, e unha vez sometida esta información a consulta con todas as partes interesadas: operadores, administracións públicas e outros axentes.
Características das axudas
Poderán ser beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas pertencentes ao sector privado que ostenten a condición de operador debidamente habilitado.
Segundo indicou a vicepresidenta, Soraya Sáenz de Santamaría, na rolda de prensa tras o Consello de Ministros, as axudas, en réxime de concorrencia competitiva, combinan as formas de subvención e anticipos FEDER, para as que se prevé unha contía máxima de 8 millóns de euros e 55 millóns de euros, respectivamente. É dicir, ambas son axudas a fondo perdido que, ademais, abónanse anticipadamente. Os proxectos poderán ter unha execución plurianual.
Liñas de actuación
O ámbito material desta convocatoria circunscríbese ás tres liñas de actuación seguintes:
– Liña A: Extensión da cobertura das redes de acceso de nova xeración (NGA) de moi alta velocidade (100Mbps ou superior).
– Liña B: Extensión da cobertura de puntos de acceso ao núcleo da rede troncal (backhaul) adecuados para a conexión de redes de acceso de nova xeración de alta velocidade e de moi alta velocidade.
– Liña C: Extensión da cobertura das redes de acceso de nova xeración de alta velocidade (30 Mbps ou superior).
As tres convocatorias anteriores (2013, 2014 e 2015) supuxeron axudas a 193 proxectos de 61 operadores, cun investimento inducido de 253,5 millóns de euros que proporcionaron cobertura de banda ancha ultrarrápida a case dous millóns de fogares e empresas en 1.154 municipios e 51 áreas empresariais.
