Un dos máis importantes editores de xogos para dispositivos móbiles, Gameloft, confirmou a través de Twitter algo que resultaba evidente dende hai bastantes meses: o adeus aos xogos de pagamento. En resposta a unha consulta aseguran que “todos os nosos xogos futuros serán free-to-play”, ou sexa, que poderán descargarse de balde e incluirán pagamentos dentro da aplicación.
Se facemos un repaso aos últimos xogos da compañía vemos que os últimos títulos de pagamento serían Asphalt 7: Heat, á venda pro 4,99 euros (a franquía xa conta con Asphalt 8: Airborne); Modern Combat 4, á venda por 6,99 euros (Modern Combat 5: Blackout sería free-to-play) e Las aventuras de Tintín, á venda por 6,99 euros; ou sexa, que durante o ano pasado non tería lanzado ningún grande xogo de pagamento, e agora confirma que tampouco farán tal en 2016, deixando claro que a chegada dos grandes videoxogos móbiles a Android supuxo un cambio de paradigma, que arrastrou ao resto de plataformas móbiles.
Actualmente os xogos móbiles están deseñados de xeito que convidan aos usuarios a realizar compras integradas durante as partidas, lembrando aos tempos nos que se xogaba en salóns recreativos, ou sexa, que non buscan a compra do produto, senón o pagamento por servizos, que poden tomar a forma de vidas adicionais, eliminacións e tempos de espera, personaxes adicionais, novas armas… fórmula que mediante un bo deseño permitiría unha rendibilidade superior á venda dos xogos (que habitualmente limita os seus ingresos ás súas primeiras semanas, mentres que co free-to-play resulta máis doado manter un fluxo de caixa que faciliten o sustento dos estudios de desenvolvemento).
Gameloft non lanzará máis xogos de pagamento
Compartir Este Artigo
