Aínda que os grandes sistemas de realidade virtual para PC (Oculus Rift e HTC Vive) xa están á venda, non só hai cola para a súa compra, senón que as datas de entrega están moi lonxe de cumprirse, con numerosos clientes frustrados por non recibir nos seus fogares os cascos de realidade virtual pese a ser dos primeiros compradores.
Por unha banda, dende Oculus están a comunicar aos seus clientes que debido á falta de existencia dalgún dos compoñentes das Oculus Rift non están sendo quen de manter o ritmo de fabricación esperado, e para compensar os adiamentos na recepción dos sistemas están a eliminar os gastos de envío. Confían en que a partires da semana que vén todo usuario que mercase unhas Oculus Rift saiba a data na que recibirán finalmente as lentes de realidade virtual.
O caso de HTC Vive parece ser bastante peor, pois incluso houbo bastantes clientes que viron como o seu pedido cancelábase de xeito automático, o que dende HTC aseguran que foi un problema no procesamento do pagamento, o que están a procurar arranxar, para que os usuarios que reservaron as Vive poidan facerse con elas o antes posible, aínda que os comentarios en foros aseguran que a situación está moito peor do que a compañía dá a entender, e suxiren que ningún dos pedidos europeos feitos con tarxeta bancaria se remitiron aos clientes, e só foron os pedidos con PayPal os que se procesaron. Ao parecer estamos ante un problema que xurdiu polo sistema de procesamento de pagamentos de HTC, que non funcionou como era previsto para frustración para os moitos compradores que realizaron os seu pedido nos primeiros minutos para garantir a pronta recepción do produto, e tendo en conta que falamos dun accesorio para o ordenador que ten un prezo de 899 euros, é doado entender a frustración dos que decidiron impulsivamente realizar tal investimento nos primeiros minutos do seu proceso de reserva que tería que traducirse no envío das primeiras unidades esta mesma semana. A resposta do servizo de atención ao cliente de HTC tamén está a contribuír a esta nefasta situación, achegando pouca información aos compradores afectados pola incidencia e incluso rexeitando actualizar os datos das tarxetas bancarias dos compradores ante os problemas de procesamento do seu pagamento.
Numerosas incidencias no envío das primeiras unidades de Oculus Rift e HTC Vive
Compartir Este Artigo

