Nos filmes de Star Wars podía verse un xogo semellante ao xadrez, no que as pezas eran monstros representados mediante hologramas, e o creador desta idea, Phil Tippett, está a promover agora un proxecto para achegar este concepto ao mundo real co xogo para iOS e Android HoloGrid: Monster Battle, que tiraría proveito da realidade aumentada para imitar a experiencia holográfico do xogo que puidemos ver en pantalla grande.
Este xogo de mesa de realidade aumentada inicia a súa campaña de micromecendo en Kickstarter aproveitando que hoxe é 4 de maio, data considerada informalmente como o Día de Star Wars, dado que tal data en inglés (“May the 4th”) lese de xeito semellante a “May the Force” (palabras coas que comeza unha das frases máis repetidas na franquía creada por George Lucas.
Para que Tippet Studio e HappyGiant poidan facer de HoloGrid: Monster Battle un produto comercial precisan superar a barreira dos 100.000 dólares, o que posiblemente consigan en poucas horas, xa que as contribucións que teñen que facer os mecenas para poder facerse co xogo completo parten de 25 dólares, cantidade que á meirande de incondicionais da saga galáctica considerarán razoable para facerse cunha copia física do xogo (que inclúe un par de mazos de naipes, un soporte para móbil/tableta, un tabolerio e as normas do xogo impresas.
Tráiler promocional de HoloGrid: Monster Battle
