Terrada Music Score presentou no Xapón un produto chamado GVIDO, que aseguran que sería o primeiro dispositivo de partituras musicais baseado nunha dobre pantalla de papel electrónico, de xeito que os profesionais da música teñen unha práctica ferramenta á hora de interpretar pezas no escenario sen ter que recorrer ás partituras en soporte físico.
O novo dispositivo vén a ser unha dobre pantalla de papel electrónico da propia E Ink cunha diagonal de 13,3 polgadas (cunha resolución de 1.200 x 1.600 píxeles con 16 niveis de gris), que tería un grosor de 5,9 milímetros e un peso duns 650 gramos, de xeito que sería unha solución moi práctica para a lectura de partituras nun formato equivalente ao dos soportes físicos, coa vantaxe de que tamén permiten anotacións empregando lapis de Wacom.
As partituras almacenaríanse en formato PDF, e as anotacións feitas a man ou os marcadores que faga o usuario gardaranse no propio ficheiro, contando o trebello con Wi-Fi N e Bluetooth 4.0 para facilitar a transmisión dos ficheiros. A súa capacidade interna (de 8 GB) tamén poderá ampliarse con tarxetas microSD, de xeito que garántese o almacenamento dun impresionante volume de partituras dispoñibles, o que agradecerán os músicos que interpreten un grande repertorio e non queiran ir cargados con todo un baúl cheo de partituras durante as súas viaxes.
Polo momento este produto está nunha fase de prototipo, e aínda non se anunciou o seu prezo final, que podería ser bastante elevado, xa que as pantallas de tinta electrónica de grande tamaño son extraordinariamente caras (o eReader con pantalla de 13,3 polgadas e stylus de Sony véndese por 799 dólares nos EE.UU.).
Vídeo de presentación do GVIDO

