A calidade de imaxe nos televisores é unha característica que vai moito máis aló da resolución do seu panel, e para demostrar que aínda se pode avanzar moito para conseguir imaxes de auténtico luxo, conseguindo reflectir a realidade con grande fidelidade, Sony anuncia a serie ZD9 de televisores Bravia HDR 4K, a vindeira xeración de tecnoloxía de pantallas con capacidade de reproducir negros máis intensos, iluminacións máis brillantes e a cor do mundo real.
A nova serie Z supón levar o alto rango dinámico (HDR) 4K a un novo nivel, cun contraste moi elevado e uns cores realistas, que consegue en boa medida grazas a un procesador de imaxe 4K de novo desenvolvemento (o HDR X1 4K Extreme) e a tecnoloxía de retroiluminación Backlight Master Drive (capaz de atenuar e intensificar cada LED de xeito individual). Coa incorporación de tres novas tecnoloxías de procesamento (remasterizado HDR baseado en obxectos, dobre procesamento de base de datos e Super Bit Mapping 4K HDR) leva os contidos de ultra alta definición con HDR a un novo nivel.
Aparte da pantalla, os novos televisores tamén presentan un deseño moi coidado e sofisticado, cunha forma de encerado negro e unha parte traseira que agocha os cables para que o televisor sexa elegante dende todos os ángulos. Tamén integran Android TV para permitir acceder a contidos de servizos en liña, contando tamén cun sistema de navegación de contidos mellorada e busca por voz.
Esta nova gama de televisores verá a luz con modelos de 65 e 75 polgadas dos que polo momento coñecemos os prezos nos EE.UU., que serían de 6.999 e 9.999 dólares respectivamente, e que chegarán ao mercado a finais do verán, estando previsto que a finais de ano chegue tamén un modelo cunha impresionante pantalla de 100 polgadas, do que darán detalles nos vindeiros meses.
Sony estrea unha liña de televisores 4K que chegará ata as 100 polgadas
Compartir Este Artigo

