Hai un par de días 2K Games sorprendeu sumándose unha vez máis á iniciativa solidaria Humble Bundle incluíndo un dos seu grandes xogos da tempada, Battleborn, que está a ter serios problemas para competir con éxito de Overwatch, título semellante que está a eclipsalo, e ante o que podería mellorar posicións entre os xogadores de PC grazas a esta atractiva promoción.
Os usuarios que acheguen a partires de 1 dólar no novo Humble Bundle poderán cos xogos The Darkness II, Spec Ops: The Line e Duke Nukem Forever, tres títulos de primeira fila, que de por si xa compensarían facerse con este lote humilde; mentres que os usuarios que paguen máis da media (8,67 dólares no momento de escribir estas liñas) poderán engadir ao seu catálogo de xogos en Steam o máis que notables Sid Meier’s Civilization V, NBA 2K16 e Mafia II Director’s Cut (xogo que recibirá secuela en outubro), así como un lote de skins para Battleborn e algún xogo máis que se desvelará a semana que vén. Pero a achega que está a resultar máis atractiva é a que parte de 15 dólares, e que inclúe, aparte de todos os xogos antes mencionados, Borderlands: The Pre-Sequel e Battleborn (xunto cun lote de moedas para o xogo).
Éxito instantáneo
Tendo en conta que Battleborn é un xogo que está á venda por 49,99 euros, o feito de poder conseguilo por menos de 14 euros xunto con outros títulos de grande calidade é normal que provocase unha resposta inmediata, e dende esta iniciativa solidaria confirman que xa superaron o millón de dólares recadados coa mesma, cantidade que podería incrementarse considerablemente nos 12 días nos que esta campaña aínda estará vixente.
