Turner Broadcasting System (TBS), plataforma de televisión por cable pertencente a AOL Time Warner, vai achegar aos seus millóns de espectadores un novo torneo do xogo Overwatch, que bota a andar esta fin de semana con rondas en liñas de equipos europeos e norteamericanos e que rematará cunha grande final o 30 de setembro que poderá verse en directo a través de TBS e Twitch, levando o equipo gañador 100.000 dólares, aínda que a bolsa total de premios chega ata os 300.000 dólares, deixando claro que os deportes electrónicos están a converterse en competicións moi serias tanto a nivel de premios como en volume de audiencia.
O xogo de Blizzard chegou a PS4, Xbox One e PC no mes de maio, e dende aquela está a liderar as vendas no seu xénero, converténdose no novo fenómeno dos deportes electrónicos, de aí que Eleague, a organización para este tipo de competicións fundada recentemente por Turner Broadcasting decidise apostar por Overwatch. Eleague xa organizou unha competición de Counter-Strike: Global Offensive, outro shooter por equipos, pero cunhas mecánicas moi diferentes, polo que enfocarse agora ao novo fenómeno será todo un reto que, de superarse satisfactoriamente xuntará a millóns de espectadores en fronte á pantalla para seguir a final desta competición como se estivésemos a falar da final dun deporte tradicional.
Un novo torneo de Overwatch repartirá 300.000 dólares en premios e contará con final televisada
Compartir Este Artigo
