Jijia, filial da compañía especializada en virtualización de sistemas móbiles Haimawan, anunciou esta semana un produto realmente rechamante: a primeira funda para iPhone que, aparte de incorporar batería adicional e a posibilidade de usar unha SIM secundaria, facilita o uso dunha versión de Android (MESUIT OS 1.0) no propio iPhone a través dunha aplicación, podendo así mudar entre iOS e Android con só premer un botón.
MESUIT é o nome desta revolucionaria funda con modelos para iPhone 6/6s e para iPhone 6 Plus/6s Plus, que integra batería de 1.700 mAh e 2.500 mAh respectivamente, ofrecendo tamén 16 GB de almacenamento adicional para o iPhone. O seu prezo é de 999 iuans (136 euros) para o modelo para iPhone 6/6s e 1.099 iuans (150 euros) para o modelo para iPhone 6 Plus/6s Plus.
Este accesorio para o iPhone integra un procesador MediaTek MT6753 de 64 bits, 2 GB de RAM, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0 e LTE, ou sexa, que vén a ser como adherir un smartphone Android sen pantalla ao teléfono de Apple, de aí que serviría para integrar dos smartphones nun único dispositivo, o que poder resultar moi práctico, pero sacrifica a estética do iPhone e incrementa o seu tamaño e peso, polo que probablemente só resulta atractivo para un público moi concreto.
Demostración do funcionamento da funda MESUIT

