Competir cos lectores de libros electrónicos de Amazon parece unha misión imposible actualmente, pero algúns fabricantes ousan facelo e, para diferenciarse, integran prestacións ausentes no Kindle, e así o vindeiro 30 de agosto chegará ao mercado o Kobo Aura ONE a un prezo de 249,99 dólares e que sorprende principalmente por dous detalles: conta cunha pantalla táctil de tinta electrónica de 7,8 polgadas cunha resolución de 1.872 x 1.404 píxeles (300 puntos por polgada) buscando así afastarse dos tamaños dos smartphones actuais (e do Kindle) e inclúe resistencia á auga IPX8, de xeito que podería soportar ata 60 minutos a 2 metros de profundidade, ou sexa, que podería levarse con tranquilidade na piscina, na bañeira ou en exteriores, sen medo a que os líquidos poidan estragalo.
O Kobo Aura ONE tamén presume da tecnoloxía de iluminación frontal ConfortLight PRO, que reduce a exposición de luz azul e protexe os ollos para unha mellor experiencia de lectura nocturna; conta con 11 fontes diferentes e máis de 50 estilos de fontes; le ficheiros nos 14 formatos máis populares (EPUB, EPUB3, PDF, MOBI, JPEG, GIF, PNG, BMP, TIFF, TXT, HTML, RTF, CBZ e CBR); conta con conectividade Wi-Fi N e micro USB; a súa batería achégalle unha autonomía de ata un mes e entre os idiomas da súa interface figuran o inglés, o portugués e o español entre outras linguas. O grosor deste eReader é de só 6,9 milímetros e o seu peso de 230 gramos, converténdose nun produto bastante cómodo e cunha estética moi coidada, que pode presumir de ser unha das mellores alternativas ao Kindle de Amazon, especialmente por gozar dun tamaño de pantalla lixeiramente superior, o que agradecerán os que pasen moitas horas lendo.
Vídeo de presentación do Kobo Aura ONE

