Para poder diferenciarse no resto de altofalantes que hai no mercado, dende LG optan por estéticas rechamantes que poden adaptarse a distintos contornos (dende o dormitorio ata unha acampada), e nesa liña presentan os novos altofalantes Bluetooth modelo PH1, PH2, PH3 e PH4.
Para os usuarios que buscan un altofalante resistente e portátil chegan o PH2 e o PH4. O PH2 pesa só 167 gramos, é resistente á auga e está pensado para levar enriba mentres se realizan actividades en exteriores, mentres que o PH4 é un altofalante de maior tamaño e potencia, que busca animar acampadas e barbacoas. Ambos altofalantes teñen unha correa que facilita enganchalos para facelos máis transportables e ofrecen son de 360 graos. O Ph2 en unha autonomía de 6 horas, mentres que o PH4 chega ás 10 horas.
Buscando encaixar con calquera decoración, e integrando unha luz que o fai rechamante, o altofalante PH3 é ideal para o dormitorio ou para terrazas. Venderase en tres cores distintas e a súa luz tipo candea ten 5 modos de iluminación multi-cor. A súa batería dálle unha autonomía de ata 10 horas.
Os tres altofalantes mencionados non só funcionan por Bluetooth, senón que tamén contan cunha entrada de mini-jack para poder conectar algún outro vello trebello como un reprodutor de MP3 ou de CD. Por Bluetooth, en cambio, acepta ata 2 dispositivos emparellados simultaneamente.
Para completar a colección está o PH1, que tamén inclúe unha iluminación suave (de xeito que pode aproveitarse como iluminación nocturna), e 5 horas de autonomía, resultando ideal para colocar en calquera curruncho da casa, sendo lixeiro, portátil, e contando tamén con funcións de mans libres para o teléfono.
Estes produtos chegarán ao mercado no outono a prezos que posiblemente se movan entre os 50 e os 120 euros.
LG presenta 4 novos modelos de altofalantes Bluetooth
Compartir Este Artigo

