A iniciativa solidaria Humble Bundle achega durante as vindeiras dúas semanas unha promoción realmente atractiva, xa que o lote de xogos de Capcom que oferta a un prezo que define o usuario para recadar fondos para causas benéficas non son para PC como vén a ser habitual, senón que desta volta son xogos para PlayStation 3 e PlayStation 4 que poden descargarse a través da PlayStation Store, pero cómpre realizar unha importante advertencia: esta promoción está limitada a países do outro lado do Atlántico.
Pagando dende 1 dólar os afortunados que teñan contas de usuario nos países nos que a promoción é aplicable poden facerse cos xogos Wolf of the Battlefield para PS3, Strider (tendo que elixir entre a versión de PS3 ou a de PS4), Super Puzzle Fighter II Turbo HD Remix para PS3 e Final Fight Double Impact para PS3, completándose a oferta cun atractivo cupón de desconto do 45% na compra de Street Fighter V.
Quen pague máis da media (pouco máis de 10 euros) pode conseguir grandes xogos como Lost Planet 3 para PS3, Super Street Fighter 2 Turbo HD Remix para PS3, Resident Evil HD para PS3 ou PS4, Okami HD para PS3, Remember Me para PS3 e o lote para PS3 de Mega Man 9 e 10.
A partires de 15 dólares recibiranse tamén os xogos Resident Evil 0 Remastered para PS3 ou PS4, Devil May Cry HD Collection para PS3 e un cupón cun desconto do 50% para a Mega Man Legacy Collection na PlayStation Store.
Sen dúbida unha atractiva promoción para os afeccionados aos xogos de Capcom, que por desgraza non está dispoñible para xogadores con contas de usuario na PlayStation Store española (ou de calquera outro país europeo).
O último Humble Bundle inclúe xogos de PlayStation 3 e 4, pero non está dispoñible en Europa
Compartir Este Artigo
