Aínda que a industria dos videoxogos está expectante para saber o que achegará a futura Nintendo NX, as consolas actuais da compañía nipoa seguen vivas, e a súa portátil prepara novidades para os vindeiros meses, de aí que hoxe publicasen un novo Nintendo Direct dando conta das novidades para a 3DS, entre as que destacou o feito de que o 2 de decembro vaia chegar ás tendas unha versión de Super Mario Maker para a Nintendo 3DS, achegando así un grande éxito de Wii U a un número de xogadores moito máis amplo. Este xogo permite que os usuarios creen os seus propios niveis e, desta volta, ábrese a posibilidade de crealos en colaboración cos amigos, compartíndose os resultados localmente e non en liña. O xogo inclúe 100 niveis deseñados pro Nintendo.
Outros xogos dos que deron conta foi Pikmin para Nintendo 3DS, que carece de título definitivo, e que supón unha interesante adaptación da franquía ao sistema de control da consola portátil, que está previsto que vexa a luz o ano que vén, como tamén acontecería con xogos como Ever Oasis, TANK TROOPERS, Dragon Quest VII: Fragmentos de un mundo olvidado ou Mario Sports Superstars, que prometen ser grandes éxitos, pero aínda non teñen data de lanzamento exacta.
Yoshi volve acompañado
Un dos anuncios importantes deste último Nintendo Direct foi que o xogo Yoshi’s Woolly World de Wii U vai ter versión para Nintendo 3DS, que sairá á venda o 3 de febreiro, pero que como grande novidade contará con novos niveis protagonizados por Poochy, o fiel amigo de Yoshi. Poochy & Yoshi’s Woolly World chegará acompañado por varias curtametraxes de animación nas que aparecerán os protagonistas do xogo e, de feito, con lanzamento do mesmo tamén se estreará unha figura amiibo de Poochy.
Novas figuras amiibo
Tamén tirará proveito das figuras amiibo o xogo Mario Party: Star Rush, que contará con sete modos de xogo, aínda que un dos detalles máis interesantes para os compradores deste título é que, cunha copia permitirá que xoguen ata 4 xogadores á súa versión descargable de balde (que engade ao seu título o sufixo Party Guest para diferenciarse). Este xogo chegará a Europa o 7 de outubro xunto coas figuras amiibo de Boo, Donkey Kong, Estela e Wario, mentres que os interesados nas figuras amiibo de Waluigi, Diddy Kong e Daisy deberán agardar ao 4 de novembro.
Volve o paraíso do ritmo
Os seareiros dos xogos de ritmo de Nintendo tamén estarán contentos de saber que o 21 de outubro chegará a tendas físicas e a eShop Rhythm Paradise Megamix, que recupera os xogos da franquía para Game Boy, Nintendo DS e Wii, e dálles unha nova vida. Incorpora un total de 70 mini-xogos, dos que unha boa mostra estaba inéditos en Europa, e tamén permitirase que o xogador elixa entre a banda sonora europea ou a orixinal xaponesa, polo que calquera incondicional da saga estaría satisfeito con este título que promete ser o Rhythm Paradise definitivo.
Outro xogo que volve é Picross, concretamente con Picross 3D: Round 2, título de quebracabezas que sairá á venda o 2 de decembro. Mentres, o Picross 3D orixinal da Nintendo DS poderá adquirirse para Wii U a través da Consola Virtual a un prezo de 6,99 euros.
Pokémon Sol e Pokémon Luna
Na presentación tamén deron algún detalle sobre os xogos Pokémon Sol e Pokémon Luna, que sairán á venda o 23 de novembro, e que prometen ser grandes éxitos tras o fenómeno de Pokémon GO. Quen merque un destes xogos antes do 11 de xaneiro e conecte a consola á Internet recibirá a Munchlax no xogo e un Snorlastal Z co que desbloquear o movemento Z especial Arrojo Intempestivo. Tamén detallaron que 5 días antes do lanzamento do xogo será posible adquirir versións en edición limitada das consolas New Nintendo 3DS XL con estéticas acordes ao xogo, sen incluílo, mentres que para a compra do xogo con consola optaron por unha versión máis económica, que a os xogos de Pokémon veñen preinstalados nunha Nintendo 2DS.
Unha mini-NES para os nostálxicos
Curiosamente a marca Pokémon non é a única que ten previsto un grande éxito nesta campaña de Nadal, senón que a propia Nintendo Entertainment System ou NES, que chegou ao mercado europeo hai 30 anos, está agora de máxima actualidade xa que o vindeiro 11 de novembro sairá á venda unha versión mini da mesma, que funcionará en televisores modernos e incluirá 30 dos xogos máis relevantes precargados, de xeito que converterase en todo un produto imprescindible para nostálxicos, como demostra o elevado volume de reservas que xa hai desta consola en miniatura.
Vídeo co Nintendo Direct íntegro
