As competicións de videoxogos profesionais demandan sistemas de control de calidade para que os mandos empregados durante os campionatos non supoñan un atranco, e para atender a esta demanda de mandos de xogo de precisión Sony vén de outorgar licenza a un par de mandos profesionais que chegarán este mesmo ano a PlayStation 4.
Un destes novos mandos sería o Razer Raiju, que presenta unha ergonomía e personalización melloradas con respecto a un mando DUALSHOCK estándar, incluíndo 2 bumpers adicionais e 2 gatillos adicionais extraíbles, panel de control integrado na parte frontal do mando, interruptor mecánico do gatillo e modo de disparo instantáneo para conseguir unha maior velocidade de resposta, 2 perfís personalizados para poder cambiar entre ambos ao instante, conector de aurculares de 3,5 milímetros con control de volume, cubertas de caucho extraíbles para os joysticks que melloran o agarre e un cable USB trenzado de 3 metros (que pode quitarse para facilitar o almacenamento do mando).
O outro mando profesional para PS4 sería o Nacon Revolution, que conta con 2 joysticks analóxicos de 46º de amplitude, 4 botóns de acceso rápido adicionais, cruceta de 8 direccións, 4 perfís personalizados, 2 compartimentos interno con 6 pesas adicionais para axustar o manexo e equilibrio, e un cable extraíble de 3 metros.
Estes novos mandos sairán á venda de cara ao Nadal e cómpre lembrar que optan polo seu uso mediante cable para evitar as interferencias e os retardos que poden padecer os mandos sen fíos, o que sería un problema no medio dunha competición.
A PS4 contará cun par de mandos profesionais con licenza oficial
Compartir Este Artigo

