LEDVANCE, compañía filial da suíza OSRAM, anunciou que vai levar ao CES de Las Vegas a súa lámpada multicor conectada SYLVANIA A19, que sorprende polo feito de poder controlarse a través de Siri e a aplicación Home de Apple sen precisar dun concentrador (como acontece, por exemplo, coas solucións Philips Hue) de xeito que chega con enroscar a lámpada con Bluetooth para poder sincronizala coa aplicación para iOS e comezar a controlar as luces.
O feito de poder controlar estas lámpadas multicor coa tecnoloxía HomeKit permite que o usuario poida manexalas empregando como concentrador un Apple TV ou un iPad, simplificando o control deste tipo de dispositivos domóticos que poderían manexarse coa aplicación Home e incluso mediante ordes de voz (con Siri). Dado que existen toda unha serie de trebellos domóticos compatibles con HomeKit (termóstatos, peches, portas de garaxe…) sería posible que con só dicirlle a Siri en voz alta que se está a chegar ao fogar para que prendese a calefacción, acendese a luz e abrise a porta dianteira de vez.
As novas lámpadas multicor de LEDVANCE poranse á venda a primeiros de 2017, ano no que está previsto que a compañía presente novos produtos compatibles con HomeKit.
Unha filial de OSRAM prepara lámpadas compatibles con HomeKit
Compartir Este Artigo

