Os subscritores Gold de Xbox LIVE recibirán en febreiro unha serie de xogos que parece recuperar o seu pulo tras un meses un tanto frouxos, e aínda que o xogo que chegará para Xbox One o día 1 é o independente Lovers in a Dangerous Spacetime (xogo de acción cooperativa ambientado no espazo), a partires do día 16 será Project CARS Digital Edition, un emocionante xogo de condución de ata 16 xogadores en liña, que goza duns gráficos excelentes e dun completo catálogo de vehículos. Tamén destaca o seu sistema pioneiro de horas do día e condicións meteorolóxicas, que dotan a experiencia de xogo dun grande realismo.
Os xogos para Xbox 360 (retrocompatibles con Xbox One) son vellos títulos bastante atractivos, xa que a primeira quincena do mes ofrecerase Monkey Island 2: Special Edition, aventura gráfica clásica na que LucasArts confirmaba a Guybrush Threepwood como un personaxe inesquecible no xénero, que tería que facer fronte ao retorno do pirata LeChuck, desta volta como un morto vivente.
Para a segunda metade do mes teremos El Poder de la Fuerza, xogo da franquía de Star Wars, que foi un grande éxito no seu día e que ofrecía unha nova historia na que encarnabamos ao aprendiz segredo de Darth Vader nun novo capítulo da saga que estaría entre os episodios III e IV da serie cinematográfica, e que permitirá desencadear os poderes da Forza para derrotar a cabaleiros jedi e outros inimigos seguindo as ordes de Darth Vader. O xogo, pese a estares lonxe de ser un grande título, deixou pegada, e incluso inspirou unha secuela, aínda que cómpre advertir de que a continuidade actual do universo de Star Wars deixa completamente fóra esta trama.
Vídeo promocional dos Xogos con Gold do mes de febreiro
