A chegada da realidade virtual á PlayStation 4 foi unha innovación moi importante que prometía ser a punta de lanza desta tecnoloxía a nivel de consumo, e aínda que a impresión que podemos ter agora é que practicamente non están a lanzarse contidos para PlayStation VR, o director executivo da división de videoxogos de Sony, Andrew House, recoñece nunha entrevista para o The New York Times que as vendas deste accesorio están a ser superiores ao que estimaban, de xeito que terían colocado 915.000 unidades a data do pasado día 19, ou sexa, nos seus primeiros 4 meses á venda, cando o seu obxectivo era chegar ao millón de unidades en medio ano (barreira que superarán con tranquilidade).
House incluso detalla que no Xapón hai dificultades para facerse cos cascos de PlayStation VR por mor da súa elevada demanda, confiando en que en abril melloren o ritmo de produción para que este problema non se agrave e así tamén poidan lanzar PlayStation VR en América Latina o vindeiro outono.
Se comparamos coas estimacións de vendas dos seus competidores máis directos (Oculus Rift tería vendido unhas 243.000 unidades e HTC Vive unhas 420.000) resulte evidente que a posición de Sony neste ámbito é dominante, de xeito que os creadores de contidos para VR deberán ter á PlayStation VR como plataforma principal se queren chegar ao maior público posible, aínda que cómpre lembrar que solucións como a de HTC Vive ofrecen experiencias moito máis completas (principalmente pola incorporación de sensores e posición que permiten unha interacción máis ampla no espazo, xa que o usuario pode camiñar dentro dun área delimitada, algo que non ofrecen os seus competidores).
Aínda que non hai dúbida ao describir ao anos 2016 como o da explosión da realidade virtual, falta bastante para que poida considerarse unha tecnoloxía cotiá, e neste momento estase á espera de que o seu prezo sexa o suficientemente axustado como para facela asumible, confiándose en que tras o lanzamento da vindeira grande actualización de Windows 10 cheguen ao mercado solucións de realidade virtual e realidade mixta con prezos moi axustados que poderían achegar máis todo este ámbito no que queda moito por explorar a nivel creativo.
Os cascos de PlayStation VR venden mellor do previsto
Compartir Este Artigo
