Unha das principais publicacións dixitais sobre videoxogos en España, MeriStation, fundada por Pep Sánchez en 1997 e que tras xuntar forzas co Grupo PRISA en 2002 tivo que afrontar pola forza a súa absorción polo xigante da comunicación en 2011 (adoptando un ano despois o seu deseño actual con bastantes incidencias), parece que vai experimentar grandes cambios que levarían a que o seu histórico editor en xefe, Nacho Ortiz, anuncie que abandona o barco tras 20 anos.
Deste xeito Ortiz deixa o medio do que era a cabeza visible tras dúas décadas nunha posición de responsabilidade, despedíndose a través dun vídeo no que que dá conta de boa parte do seu traballo en todo este tempo. Neste tempo Nacho Ortiz acudiu a 16 edicións da feira E3, 9 Tokyo Game Show, 2 Blizzcon… participou en 10 tempadas de podcast, en máis dun par de centos de vídeos, elaborou innumerables análises de xogos, reportaxes e novas e, en definitiva, deixou detrás unha enorme produción de contidos sobre o mundo dos videoxogos que moitos seareiros do sector agradecerán, aínda que o xeito de despedirse esperte certo temor polos cambios que poida vivir MeriStation nos vindeiros meses.
Vídeo de despedida de Nacho Ortiz
