O ano pasado puxéronse á venda nos EE.UU. os produtos da liña by Google, na que, aparte de dispositivos móbiles, destacaban produtos destinados para o fogar como Google Home e Google Wifi, que finalmente parece que van cruzar o Atlántico comezando polo Reino Unido, a onde chegarán estes dispositivos a un prezo de 129 libras esterlinas (149 euros) cada un.
Lembremos que Google Home é a resposta de Google ao Amazon Echo, ou sexa, unha especie de altofalante conectado no fogar que responde ás ordes e cuestións feitas a viva voz, pero que en vez de empregar a tecnoloxía de Alexa fai uso do Asistente de Google, o que permite certo nivel de interacción en linguaxe natural. Esta tecnoloxía facilita que poidamos coñecer a predición meteorolóxica, o estado do tráfico, a cotización bolsista, a localización dun establecemento comercial… e incluso pode escolmar novas de medios locais (para o que Google colabora con compañías como a BBC, The Guardian, The Financial Times, The Sun, Sky News, The Telegraph…).
Google Home tamén pode empregarse para escoitar música de distintas fontes, de xeito que mediante ordes de voz podemos reproducir un podcast ou as nosas cancións favoritas de Google Play ou de Spotify, sendo posible sincronizar a experiencia, por exemplo, con altofalantes que fagan uso da tecnoloxía Chromecast.
No caso de contar con elementos domóticos no fogar, como lámpadas conectadas, será posible aproveitar Google Home para o seu control, así como tamén será posible controlar as reproducións de Chromecast de xeito que mediante unha orde de voz podemos reproducir vídeos de YouTube ou a nosa serie favorita en Netflix.
Outro produto que tamén resulta moi interesante é Google Wifi, que vén a ser unha solución para poder ter unha conectividade Wi-Fi de calidade no fogar construíndo unha malla de puntos de acceso. Deste xeito podemos repartir varios Google Wifi no fogar para conseguir un sinal forte na nosa rede Wi-Fi, xestionando estes trebellos as conexións do mellor xeito posible, procurando así conexións estables que incluso poden xestionarse a través dunha aplicacións móbil que permite coñecer o estado da rede sen fíos, bloquear temporalmente o acceso á Rede a algúns dispositivos, priorizar o tráfico importante (por exemplo, dar preferencia ao streaming de vídeo para non padecer cortes na reprodución) ou incluso facilitar o acceso a Internet ás visitas.
Para vivendas de entre 46 e 140 metros cadrados dun único andar chegaría cun Google Wifi para gozar de boa conexión, mentres que para vivendas de ata 278 metros cadrados recomendan usar 2 unidades e con 3 unidades poderiamos cubrir ata 418 metros cadrados.
Aínda que non estamos ante unha tecnoloxía barata, atende a unha clara demanda, xa que hai fogares nos que gozar dunha boa conectividade sen fíos resulta complicado, e os usuarios carecen dos coñecementos técnicos para solucionar a situación, de aí que agradezan que existan solucións deste tipo, que conseguen bos resultados sen complexas configuracións.
Os produtos para o fogar de Google chegan a Reino Unido
Compartir Este Artigo

