Os profesionais que precisen de grandes capacidades de almacenamento teñen agora unha nova opción da man de LaCie, compañía que ven de anunciar o 2big Dock Thunderbolt 3 con capacidades de 12, 16 e 20 TB, que integra no seu interior un par de discos duros Seagate IronWolf Pro en modo RAID, conseguindo tanto grande capacidade como velocidade (ata 440 MB por segundo), de xeito que é ideal para profesionais de vídeo en ultra alta definición e fotógrafos que traballen con ficheiros de grande tamaño.
O 2big Dock Thunderbolt 3 é un produto moi completo, que conta na súa parte frontal cun porto USB 3.0 e un par de rañuras para tarxetas de memoria SD e CF (deixando clara a súa intención de resultar de utilidade para profesionais do vídeo e a imaxe), mentres que na súa parte traseira integra dobre porto Thunderbolt 3 (o que permite achegar enerxía a equipos portátiles e conectar simultaneamente ata 5 unidades LaCie 2big adicionais ou outras solucións con Thunderbolt ou USB-C), un porto USB 3.1 (en formato USB-C, incluíndo tamén un cable adaptador ao anterior formato de USB) e DisplayPort para conectar a monitores.
Estas novas unidades sairán á venda no verán a un prezo por determinar, pero non podemos esperar que sexa un produto económico, xa que o seu antecesor, o 2big Dock Thunderbolt 2, está dispoñible en capacidades de entre 6 e 12 TB a prezos de entre 575 e 779 euros.
As unidades LaCie 2big Dock Thunderbolt 3 ofrecerán ata 20 TB de capacidade
Compartir Este Artigo

