Confirmando as filtracións do mes pasado, Motorola anuncia os seus novos smartphones de entrada, que en vez de chegar coa renovación dos Moto E supón a estrea dos novos Moto C e Moto C Plus, que comezarán a venderse esta mesma primavera a prezos de entre 89 e 119 euros segundo a configuración de cada terminal.
O móbil de saída sería o Moto C, dispoñible con carcasas en catro cores metalizadas distintas (negro, branco, ouro e vermello), pantalla de 5 polgadas cunha resolución de 854 x 480 píxeles, procesador de catro núcleos, cámaras de 5 e 2 Mpíxeles, lector de tarxetas microSD de ata 32 GB e batería de 2.350 mAh, que no seu modelo máis económico tería conectividade 3G, 1 GB de RAM e 8 GB de almacenamento cun prezo de 89 euros, mentres que a versión con 4G custaría 99 euros.
Máis atractivo é o Moto C Plus, con pantalla de 5 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, procesador de catro núcleos, 1 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de ata 32 GB), cámaras de 8 e 2 Mpíxeles, dobre SIM e batería de 4.000 mAh, que tería un prezo de 119 euros.
Se temos en conta que o verán pasado o Moto E chegou cunhas prestacións semellantes ás do novo Moto C Plus, aínda que cunha batería de 2.800 mAh e un prezo de 139 euros, podemos entender que os novos terminais buscan ofrecer unha autonomía maior e axustar máis os prezos, pois non podemos esquecer que falamos de prezos de saída e reduciranse considerablemente nos vindeiros meses (o Moto E reduciu o seu prezo un 36% dende o seu lanzamento).
Anuncian oficialmente os Moto C e Moto C Plus
Compartir Este Artigo

