No marco do Computex de Taipei Intel presentou un produto realmente impresionante, a Compute Card, que vén a ser case un ordenador completo agochado nunha carcasa de 95 x 55 x 5 milímetros, ou sexa, que sería lixeiramente máis grande que unha tarxeta de crédito, pero podería servir tanto como un ordenador para levar como para converter unha pantalla nun equipo todo-en-un ou incluso para servir de cerebro dunha Smart TV, dun quiosco dixital ou de todas unha serie de dispositivos conectados.
Intel deseñou esta tecnoloxía confiando en convertela en todo un estándar, o que permitiría, por exemplo, a actualización de sistemas con só substituír á súa Compute Card (algo realmente atractivo no caso de ordenadores todo-en-un, que tenden a ser case imposibles de actualizar, e que tamén sería sumamente doado de facer).
Polo momento Intel ten previsto lanzar 4 modelos destas tarxetas, que funcionarían con procesadores Intel Celeron N3450, Pentium N4200, Core m3-7Y30 e Core i5-7Y57 (ou sexa, cun amplo abano de procesadores), todos equipados con 4 GB de RAM DDR3, 64 GB de eMMC nos dous modelos máis básicos e 128 GB de SSD nos dous modelos superiores, Wi-Fi AC e Bluetooth 4.2.
Espérase que no mes de agosto comecemos a ver estar Compute Cards no mercado, e Intel xa conta con varios partners que van integrar esta tecnoloxía, de xeito que Smart Tech utilizaraa para portátiles educativos e encerados interactivos, LG optará polos monitores conectados, ECS polos todo-en-un, Mo-BitS Electronics polas tabletas… e incluso compañías como Lenovo, Dell e HP entrarán neste xogo que demostra a confianza dos principais axentes do mercado nunha chamada a mudar o xeito de entendermos os equipos informáticos.
Intel amosa un ordenador cun tamaño semellante ao dunha tarxeta bancanria
Compartir Este Artigo

