O lanzamento da Nintendo Switch o pasado 3 de marzo deixounos cunha grande incógnita: que pasa co seu modo de xogo en liña? Comentárase que sería de pagamento (como acontece en PS4 e Xbox One) e xogaría un rol moi importante na nova consola xa que Nintendo pretende que chegue a subirse ao fenómenos dos eSports.
Pero por fin publícanse as condicións de subscrición de Nintendo Switch Online, servizo que xa está detallado na páxina web de Nintendo, e que permitirá poder botar partidas en liñas (cooperativas e competitivas). O seu lanzamento oficial non chegará ata 2018, pero mentres tanto o servizo estará dispoñible de balde.
A subscrición tamén incluirá o acceso permanente a un catálogo de xogos clásicos que agora contan con modo en liña como Super Mario Bros. 3, Balloon Fight ou Dr. Mario.
No verán tamén chegará unha aplicación móbil que permitirá conectar coa Nintendo Switch para participar en salas de chat en liña e tamén chatear por voz, resultando bastante rechamante que estas funcións non cheguen dende a consola, senón a través dun smartphone, dando a impresión de que Nintendo non quere que se asocie á súa máquina cos riscos do chat de voz.
Nintendo Switch Online tamén contará con promocións exclusivas na Nintendo eShop e o prezo do servizo será de 3,99 euros/mes, 7,99 euros para 3 meses e 19,99 euros para 12 meses.
Último anuncio da Nintendo Switch na que pode verse o novo xogo ARMS
