Esta claro que cando falamos de coleccionismo non existe o concepto de prezo de mercado, xa que os produtos custan o que alguén estea disposto a pagar, e no caso dos videoxogos a cousa aínda é máis complicada, pois teñen unha historia aínda moi recente e son produtos cuns volumes de fabricación moi elevados, polo que resulta difícil coñecer o grao de excepcionalidade que pode ter unha copia dun xogo, de aí que sexa bastante salientable o feito de que a través de eBay veña de venderse unha copia do Super Mario Bros para NES, ou sexa, unha copia da versión estadounidense de 1985 do xogo que iniciou a saga de títulos de desprazamento lateral protagonizados polo fontaneiro Mario.
O prezo pagado finalmente polo xogo foi de 30.100,44 dólares (25.769,82 euros), cantidade elevadísima para un xogo do que probablemente se puxeron en circulación un millón de copias, pero resulta que o produto estaba nun estado impecable (nin sequera a súa caixa de cartón está lixeiramente danada) e conserva o plástico orixinal e incluso a etiqueta de prezo (que marca 26,99 dólares).
Ao parecer, esta rara copia de Super Mario Bros provén dunha colección que mercou unha persoa de Morgantown (Pennsylvania) que se dedica precisamente á compra-venda de videoxogos e consolas, e consideran que actualmente só quedaría unha ducia de copias do xogo aínda no plástico orixinal, e probablemente ningunha en tan bo estado.
En calquera caso sorprende o elevadísimo prezo que acadou a poxa, xa que estamos ante un xogo que foi todo un supervendas e do que aínda quedan moitas copias en boas condicións, aínda que o gañador da poxa xa ten pagado cantidades elevadas por outros xogos ao mesmo vendedor, como os 11.200 dólares que desembolsou por un lote de 4 xogos entre so que figuran o perseguido Kid Icarus de NES e o desastroso E.T. de Atari 2600.
Pagan máis de 30.000 dólares por unha copia sen abrir do Super Mario Bros
Compartir Este Artigo
