Esta semana os seareiros do xogo Puzzle Bobble, clásico dos recreativos que incluso tivo unha grande presenza na TVG (xa que era a máquina recreativa que durante anos estaba instalada do Bar Suízo da serie Pratos Combinados), aledáronse enormemente porque Taito tivo o detalle de estrear unha nova entrega da saga, Puzzle Bobble Journey, que desta volta está dirixida a dispositivos móbiles, podéndose mercar por 5,49 euros na App Store e en Google Play.
O xogo mantén a súa mecánica clásica, que consiste en lanzar burbullas de cores que desaparecen no caso de entrar en contacto con outras dúas da mesma cor, sendo o obxectivo facer esbourar todas as burbullas presentes en pantalla (aínda que nalgunha ocasión o obxectivo mudará para, por exemplo, instarnos a superar unha puntuación en concreto). Puzzle Bobble Journey inclúe máis de 270 niveis a superar (aínda que espérase que lancen máis niveis que poderán mercarse dende dentro da aplicación) e presenta unha actualización gráfica que permite que se vexa dignamente nas pantallas dos smartphones e tabletas actuais.
Vídeo promocional deste novo Puzzle Bobble Journey
