Mentres que os smartwatches non conseguen callar no mercado do xeito no que se confiaba hai uns anos, as pulseiras de actividade son capaces de cubrir moitas das súas funcionalidades a un prezo moi inferior, e como exemplo desta evolución temos a nova Huawei Band 2 Pro, que mantendo un deseño moi compacto consegue integrar GPS, resistencia á auga, monitorización cardíaca e, como non, rexistro da actividade física (tanto da actividade diaria como para correr, camiñar ou nadar). Pese a estamos ante un produto bastante avanzado, o seu prezo non é nada esaxerado, e pode adquirirse xa nos EE.UU. a 69,99 dólares (58 euros).
A Huawei Band 2 Pro pode enlazarse ao smartphone para recibir notificacións de chamadas entrantes, avisos de correo electrónico e alarmas e recordatorios, aínda que non precisa do móbil para gozar de posicionamento GPS para rexistrar os nosos desprazamentos. O seu rexistro de actividade pode empregarse para coñecer o noso nivel de actividade física diario, controlar adestramentos deportivos ou incluso para monitorizar o descanso nocturno, e pese a todas estas prestacións a súa batería de 105 mAh consegue alimentar o produto durante 7 días continuos cunha única carga ou ata 21 días en espera.
A pulseira de actividade mide 44 x 19,7 x 10,3 milímetros, a súa correa 114,67 x 101,35 milímetros, pesa uns 21 gramos, é compatible tanto con iOS como con Android, comunícase cos smartphones a través de Bluetooth 4.2 e, grazas á súa pantalla PMOLED de 0,91 polgadas con botóns táctiles, permite que o usuario poida empregalo como reloxo de pulso e poida comprobar o seu funcionamento en calquera momento.
A Huawei Band 2 Pro integra GPS e resistencia á auga
Compartir Este Artigo

