Dende hai anos temos no mercado localizadores que poder colocar en obxectos que non queremos extraviar, estando boa parte destes trebellos baseados en tecnoloxía Bluetooth, pero Samsung está a levar esta tecnoloxía a unha nova xeración, e hoxe presenta o Samsung Connect Tag, un pequeno trebello que podemos enganchar en obxectos valiosos ou na mochila dun cativo ou na correa dun can, facilitando así a súa localización tanto en interiores como en exteriores, xa que esta solución é a primeira no mercado de consumo en funcionar utilizando a tecnoloxía de rede de banda estreita (NB-IoT de categoría M1) deseñada para comunicación móbil de consumo de enerxía e datos reducidos.
Este dispositivo pode traballar con GPS, posicionamento mediante Wi-Fi ou incluso mediante información móbil, conseguindo localizar en interiores e exteriores con precisión, e podendo gozar de funcionalidades como as xeo-balizas, o que facilita o envío de notificacións cando o fuxe o can e o cativo volve da escola, así como tamén permitiría que ao achegarse a unha zona en concreto os sistemas domóticos puidesen entrar en acción e, por exemplo, prendesen as luces do fogar. Incluso podería deixarse un destes dispositivos no vehículo para a súa doada localización cando o deixemos nun enorme aparcadoiro.
O Samsung Connect Tag mide 42,1 x 42 x 11,9 milímetros, pesa 25 gramos, integra GPS, Wi-Fi, Bluetooth e micro USB 2.0, batería de 300 mAh (que achegaría ata 7 días de autonomía cunha única carga) e eSIM (para conectarse a redes móbiles), é resistente á auga e funciona con Tizen IoT, sendo compatible con dispositivos con Android 6.0 ou superior a través dunha aplicación móbil.
Samsung presenta un localizador baseado en redes móbiles de banda estreita
Compartir Este Artigo

