Os eSports parecen ser máis semellantes aos deportes tradicionais do que pensamos, trasladando tamén comportamentos violentos e machistas, o que claramente queren evitar os responsables das competicións en deportes electrónicos, de aí que estean a endurecer as sancións ante comportamentos indebidos, o que resulta evidente no caso do xogador profesional de League of Legends Li Vasilii Wei Jun, que vén de ser expulsado da competición ata o 1 de xaneiro de 2020 por ter agredido verbalmente á súa moza durante unha retransmisión de vídeo en directo.
A Liga Profesional de LOL investigou os acontecementos do pasado 26 de outubro, concluíndo que non había evidencias de agresión física de Vasilii á súa parella, pero as súas ameazas eran tan cribles que a moza chamou á policía, o que consideran que é un comportamento inaceptable.
Vasilii xa amosara en competicións o seu carácter agresivo (golpeando o teclado e intimidando a un operador de cámara), polo que a organización da Liga decidiu tomar medidas drásticas e, en vez de aplicar unha sanción de entre 3 e 10 meses de competición segundo indica o regulamento, optaron por vetalo durante 20 meses de competición, por considerar que a sanción máxima que tiñan definido era demasiado lixeira para casos de tal gravidade, levando a que revisen agora a súa táboa de sancións.
Sanción exemplar a un xogador profesional de LOL por violencia machista
Compartir Este Artigo
