Entre as novidades que LG leva estes días ao CES de Las Vegas están tres novos conceptos de robot que estarían destinados para empregarse comercialmente en hoteis, aeroportos e supermercados e que formarían parte da nova marca de robótica CLOi de LG, que xa conta con outros produtos en probas (como cortadoras de céspede, guías de aeroporto e sistemas de limpeza para aeroportos).
O primeiro dos novos robots sería o Serving Robot, pensado para servir comida e bebida a hóspedes de hoteis e salas de aeroportos dun xeito rápido e eficiente, de xeito que o robot leva os alimentos ou o refrixerio ata o cliente nunha bandexa doada de extraer e, unha vez feita a entrega, percorre un camiño de retorno.
O Porter Robot sería unha solución para hoteis que está deseñada para levar a equipaxe ás habitacións dos hóspedes, axilizando o transporte de equipaxe tanto á chegada como á partida dos clientes.
O terceiro dos robots sería o Shopping Cart Robot, que busca mellorar a experiencia de compra en supermercados premium, de xeito que o clientes poden escanear elementos cun lector de códigos de barras do robot para ver os prezos dos produtos e a listaxe completa da compra na pantalla do robot. O robot tamén pode guiar aos compradores aos produtos que seleccionen na súa aplicación móbil.
LG presenta 3 novos conceptos de robot
Compartir Este Artigo

